Espazos Sonoros

Memoria dos lugares, voz do tempo

O festival Espazos Sonoros nace no 2008 coa vontade de levar diferentes propostas de música ao longo da xeografía galega, así como de dar conta do patrimonio cultural, nas súas diversas manifestacións, e da historia do noso país. A nómina de artistas, de moi diversa procedencia, que Espazos Sonoros achegou ao público galego é extensa, variada e de alta calidade. Polos numerosos escenarios improvisados en numerosos espazos de interese cultural pasaron o Cuarteto Quiroga, La Morra, Amandine Beyer, o Ensemble Oni Wytars, a Austrian Baroque Company, La Reverdie, Arianna Savall, Marco Beasley, o Ensemble Gilles Binchois, Quadriga Consort, La Chimera, Les Sacqueboutiers de Toulouse, Andrew Lawrence-King, o Huelgas Ensemble, Rolf Lislevand, Doa, Martin Codax, Resonet, Emilio Cao… 

Esa longa travesía levounos a moitos recantos de Galicia onde, tal vez, nunca antes a cidadanía tivera a ocasión de poder escoitar ao vivo esas músicas e, ademais, da man de artistas dese talle. Velaí tamén a tarefa cívica e educacional deste festival, pois os espectáculos musicais son postos, por igual, ao servizo das diversas comunidades polas que pasa o festival, coa finalidade de valorizar as mesmas e de pór de manifesto as súas potencialidades. 

Nese sentido, Espazos Sonoros ofrece sempre actividades paralelas aos concertos, como son as charlas didácticas, os roteiros ou as visitas culturais, tendo sempre a música no cerne de todas elas e mostrando unha atención moi especial ao mundo do órgano, do que Galicia ten numerosas e moi ricas mostras, non sempre atendidas como se merecerían. Estes son, pois, os elementos principais que conforman, desde hai xa quince anos, o festival Espazos Sonoros: difusión e normalización da música antiga, excelencia interpretativa, valorización do noso patrimonio e vontade educacional de xeito plural e transversal.  

Músicas no patrimonio do país

O Festival Espazos Sonoros chega á segunda edición co apoio da área de Patrimonio da Deputación da Coruña, unha edición aínda máis ampliada en número de concertos da xa espectacular edición que tivemos o ano pasado. Tamén unha edición na que, por sorte, teremos máis capacidade de asistentes da que tivemos o ano anterior por mor das medidas sanitarias derivadas da pandemia. 

Confiamos en que esta volverá ser unha edición exitosa, que nos permitirá viaxar dun xeito singular polas terras de Brión, A Capela, San Sadurniño, Cabana de Bergantiños e Sobrado dos Monxes, percorrendo parte do noso impresionante patrimonio repartido polas comarcas da Coruña.

Desde que o ano pasado abrazamos con orgullo e ambición o proxecto Espazos Sonoros, traballamos co obxectivo de levar a música e a cultura a reo polo país, a través de experiencias  que convertan os espazos monumentais en espazos de vida, ofrecéndolle ao público un novo xeito de achegarse sensorialmente á nosa riqueza patrimonial.

Poñer en valor o patrimonio dun xeito diferente e innovador é o que estamos a impulsar desde esta área, cando hai tres anos deseñamos unha serie de actuacións no patrimonio que inclúen aspectos relacionados con diversas disciplinas artísticas, a lingua, o turismo ou mesmo a ciencia. Porque cando se fala de país, como é o caso, temos que acudir á transversalidade, unha transversalidade que formou parte da idea orixinal de todos aqueles que construíron a Galiza na que hoxe vivimos, unha Galiza chea de espazos singulares, e unha Galiza na que os que habitamos no século XXI convertemos o esforzo dos nosos antepasados en experiencias para os nosos sentidos.

De todo isto fala ESPAZOS SONOROS. Convidámosvos a percorrer todas estas experiencias connosco, a partillar estes espazos e sonoridades e a contribuír a que un festival como este sexa algo máis que un cartel espectacular e se converta nunha experiencia sensorial.

Xosé Luis Penas

Deputado de Patrimonio, Contratación e Equipamento

Abrimos unha nova edición de Espazos Sonoros baixo o lema Memoria dos lugares, voz do tempo, como unha sorte de aspiración ideal, do pensamento que inspira, desde os seus inicios, a programación deste festival. A busca dos elementos que axudan a reconstruír o noso pasado, fixándoo na memoria como ferramenta para afrontar o presente e encarar con optimismo un sempre incerto futuro, vai da man da procura do goce estético nos elementos que conforman a paisaxe, as artes ou a música, un goce entendido, non como mera distracción, senón como instrumento que nos axude a entender o mundo e a dotalo de sentido.

Apenas superada a pandemia, enfrontámonos xa a outros preocupantes acontecementos e retos urxentes que non se poden ignorar e que levan, unha vez máis, á inevitable preguntaaa que xa se fixera G. Steiner, “que utilidade tivo a cultura cando chegou a barbarie?”. O propio Steiner admitía a súa incapacidade para dar resposta á cuestión da fraxilidade da cultura, mais, na firme creenza no seu poder como fonte de benestar e progreso, abrimos un novo capítulo desta xa lonxeva programación. Unha programación que conserva unha intencionada fasquía humanista, cosmopolita e aberta, mais apegada ao noso, ao que nos identifica, e que nos permite, sen deixar de lado os aspectos lúdicos que proporciona a música e o encontro coas persoas, favorecer a reflexión e a ollada crítica sobre un mundo complexo e en continua mudanza. 

Belén Bermejo López

Directora artística do festival Espazos Sonoros

 

2012 © CREOWEBS. Diseñamos y creamos