E así, transcorreu unha edición máis dos Espazos Sonoros. Grazas a todas as persoas e institucións que o fixeron posible e ás xentes que, de semana en semana, emprenderon viaxe connonsco.
Collemos folgos, polo que o futuro poida deparar. E, coma sempre, non esquezades seguir as indicacións do sinal e escoitar moita música ;-)!
Unha das máis prometedoras organistas do ámbito Peninsular, Ana Aguado, estará este venres 23 de setembro, no mosteiro de San Paio, ofrecendo un concerto de músicas para órgano dos séculos XVI a XVIII. Será ás 20.30 h e a entrada é libre até completar capacidade.
(É posible anotarse en lista de agarda)
A arpista Alba Barreiro e o multiinstrumentista Abraham Cupeiro estarán, o sábado 17, no Dolmen de Dombate, nunha xornada na que teremos oportunidade tamén, de visitar o Castro de Borneiro. Inscricións (visitas e concerto) do 13 ao 15 de setembro, en actividades@espazossonoros.org.
O día 4 de setembro, Manuel Vilas actuará en San Xoán de Caaveiro, nunha xornada que nos permitirá tamén coñecer este impresionante espazo situado no corazón das Fraguas do Eume. O prazo para a inscrición na xornada (concerto e visitas) estará aberto do 30 de agosto ao 1 de setembro a través de actividades@espazossonoros.org
(é posible anotarse en lista de agarda)
Espazos Sonoros bota a andar, unha edición máis, cun concerto do Proxecto Dous Mares co programa Músicas entre dous mundos, coa colaboración da cantante arxentina Diana Baroni e do Grupo 1500. Será na igrexa de Santa María dos Ánxeles de Brión ás 19.00 do día 3 de setembro.
Volvemos con músicas que pretenden rescatar a memoria dos lugares que poboan o noso territorio. Un ano máis, Espazos Sonoros convídanos a nos deixar levar pola curiosidade e manter espertos os sentidos, cunha programación que sigue apegada ao máis próximo sen deixar de abrir xanelas ao mundo. Agardan catro semanas de programación, ao longo das que visitaremos diferentes espazos da provincia como o Dolmen de Dombate, o Castelo de Naraío, Santa María de Sobrado, San Xiao de Bastavales, o Castro de Borneiro ou San Xoán de Caaveiro. Porán a música artistas do talle de Abraham Cupeiro, a Austrian Baroque Company, o Proxecto Dous Mares con Diana Baroni ou o arpista Manuel Vilas, entre outros.
Espazos Sonoros recupera a música para órgano na súa programación. Fávola d'Argo e Ana Aguado serán as encargadas de achegarnos a unha das máis interesantes testemuñas da paisaxe organística galega, o órgano de San Paio de Antealtares, en Santiago de Compostela.
O grupo Favola d'Argo presenta unha singular combinación de órgano, arpa e soprano, habitual na práctica musical dos mosteiros desde o Renacemento, para interpretar un programa de músicas escritas en Portugal, na transición entre o século XVIII e XIX. Será o domingo 25 de setembro, ás 20.30 h na clausura da edición 2022 do Festival. Entrada libre até completar capacidade.
O domingo 18 de setembro, esta prestixiosa formación austríaca, especializada en música barroca, acompañada polo violinista Florian Hasenburger, estará en Bastavales, no concello de Brión, co programa Austria Imperialis, música virtuosa da corte imperial dos Habsburgo. Será ás 19.00 h. Entrada libre até completar capacidade.
Este percorrido circular levaranos desde a emblemática irgrexa de San Xiao de Bastavales, até a pequena ermida de San Salvador, pasando tamén pola aldea de Bemil e o seu cruceiro, para volver á igrexa de San Xiao. Será o domingo 18 de setembro ás 15.30 h. Inscricións en actividades@espazossonoros.org do 13 ao 15 de setembro.
Esta veterana capela de instrumentistas de vento, acompañada polo organista Javier Artigas estará o domingo 11 ás 19.00 h, no magnífico espazo da Igrexa de Santa María de Sobrado recuperando as vellas sonoridades dos conxuntos de menestreis.
Entrada libre até completar capacidade, non é precisa inscrición.
Percorrido circular que percorrerá, entre outros espazos naturais, a histórica lagoa de Sobrado.
Domingo 11 ás 15.30 h. Inscrición do 6 ao 8 de setembro en actividades@espazossonoros.org
O grupo La Spagnoletta, co contratenor Miguel Ulla Berdullas, estará o sábado 10 ás 19.00 h, no Convento do Rosario de San Sadurniño cun programa de música instrumental e vocal barroca. Entrada libre até completar capacidade, non é precisa inscrición.
Antes do concerto de la Spagnoletta, teremos oportunidade de facer unha parada no que foi un dos escenarios da Primeira e Segunda Revoltas Irmandiñas, a fortaleza de Naraío. Será o sábado 10 ás 15.30 h. O prazo para a inscrición estará aberto do 6 ao 8 de setembro en actividades@espazossonoros.org.
Presentouse a edición 2022 do festival Espazos Sonoros, nunha rolda de prensa celebrada na sede da Deputación da Coruña, na que participaron o Deputado Provincial de Patrimonio e Contratación, Xosé Luís Penas Corral, xunto á directora artística do festival, Belén Bermejo.
Os concertos son de balde e a entrada libre, até completar a capacidade, excepto nos espazos en Caaveiro e o Dolmen de Dombate, que teñen prazas limitadas. Nas actividades e concertos con prazas limitadas é imprescindible a inscrición previa nas datas establecidas.
Neste momento non é obrigatorio o uso de máscara. A nosa recomendación é que se siga usando en interiores.
Os aforos e condicións poden variar en función das normas de aplicación xeral decretadas en cada momento polas autoridades sanitarias
POR FAVOR, LE ATENTAMENTE AS NORMAS DE INSCRICIÓN. Entre tod@s faremos posible que a cultura sexa un espazo seguro. +info
Para coñeceres a localización de cada un dos espazos busca en Googlemaps o mapa de Espazos Sonoros 2022